luns, 22 de decembro de 2025

RUTA DE NADAL DA FERVENZA DE OUZANDE. CASTRO DE ARCOS

 

A AC A Fervenza de Ouzande programa a 14ª edición da Ruta de Nadal na  que se realizará a subida ao Castro de Arcos, no veciño concello de Cuntis.
A Asociación convida a pasar a mañá do día de Nadal dun xeito diferente. Gozaremos da paisaxe, da natureza e da conversa amigable, e seguro que tamén servirá para alixeirar a copiosa cea de Noiteboa.

Xoves 25 de decembro de 2025
Hora de saída: 09:30, diante da Igrexa de Ouzande.
Chegada sobre as 13:15 ao mesmo sitio.
12 km de percorrido, dificultade media baixa.
Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.
A ruta só se suspenderá se as condicións meteorolóxicas impiden a súa realización.
A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.
 

LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:
Castro de Arcos. Sito no Concello de Cuntis. Fermoso promontorio, coas trazas de castro, pero que está sen escavar. Desde o alto. obsérvanse fermosas panorámicas do Val da Anllada e do monte Xesteiras. Recoméndase levar prismáticos, pois mesmo se chega a ver a Ría desde o alto. O castro está en moi boas condicións de accesibilidade cos camiños limpos e constitúe un destino sendeirista perfecto.
Encoro da Estrada: Descenderemos pola beira do antigo encoro que abastecía de auga á vila da Estrada, convertido hoxe en día nunha lagoa na que destaca a vexetación propia de ribeira así como a presenza dalgunhas aves migratorias nalgunhas épocas do ano.
Espazos naturais e paisaxe: A ruta combina espazos naturais autóctonos de moito valor con zonas moi deterioradas polo efecto humano nas que se fixeron grandes plantacións de eucaliptos mesmo en zonas de humedais e turbeiras de gran valor ecolóxico. Tamén, recentemente, foron instalados varios muíños de vento, cuxas obras provocaron certo impacto na contorna e o deterioro de algunhas paraxes.

 
mapa da ruta

 

 

Ningún comentario: