mércores, 25 de febreiro de 2009

imaxes antroido 09

Aí quedan unhas imaxes do antroido en Ouzande. Os cegos cantaron as súas coplas acompañados por unha comparsa de disfraces que percorreron a parroquia na carroza do antroido eleitoral


E tamén un video dos cegos cantando un anaco das coplas na taberna de Ouzande. As coplas podelas ler picando nos comentarios.

martes, 17 de febreiro de 2009

antroido 09

SÁBADO DE ANTROIDO
21 de febreiro de 2009

A partir das 17:00 da tarde concentración de disfraces no Campo da Festa. A continuación, a unha carroza percorrerá os lugares da parroquia acompañando aos cegos do Antroido que, un ano máis recitarán as súas coplas, que non esquecerán os acontecementos da parroquia nin tampouco a actualidade en xeral. Non faltarán a música nin as cancións.

Horario aproximado:

17:15 da tarde: saída do campo

17:30: O Tallo

18:00:. O Castro

18:15: O Picoto e o Redondo

18:35: Alemparte e O Formigueiro

19:00: O Topete

19:15: Igrexa

E como remate a partir das 19:30 da noite, gran festa de disfraces no local social. Música, animación e degustación dos produtos típicos do antroido.

imaxes asemblea

aí quedan unhas fotos da xunta xeral

luns, 9 de febreiro de 2009

xunta xeral anual

CONVOCATORIA DE XUNTA XERAL ANUAL


Convócase aos socios e socias á Xunta Xeral anual da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, que terá lugar o domingo 15 de febreiro ás 6 da tarde no local social do campo da festa de Ouzande. A orde do día será a seguinte:

  1. Informe de xestión.
Informe de actividades (con proxección de fotos e videos)
Informe económico

  1. Programación de actividades.
  2. Rogos e preguntas.

Ao rematar a reunión a asociación convida á merenda con chocolate quente e biscoito.

En Ouzande, A Estrada, febreiro 2009.


PD.

1. É moi importante que fagas o posible por asistir á reunión para que entre todos colaboremos na boa marcha da asociación, e na proposta e organización de actividades. Recorda que a Asociación somos todos e todas.

2. Na taberna de Ouzande están a disposición de todos os socios e socias os recibos da cota anual correspondente a este ano, e os pendentes do ano anterior (para os socios/as que non pagaron aínda). Recorda que para a organización das actividades é moi necesario dispoñer dos recursos económicos que xeramos .

sábado, 3 de xaneiro de 2009

sesión de tarde

O próximo domingo,día 4 de xaneiro, a partir das 6 da tarde proxectaremos dous videos no local social de Ouzande.
O primeiro será un resumo da entrevista que Manolo de Cabanas lle fixo en Sao Paulo a Florentino do Rubio para o Carreiros 7. Aí vai unha breve presentación...


A seguir proxectaremos unha gravación das obras realizadas na Igrexa de Ouzande nos anos setenta. Moi interesante.

martes, 30 de decembro de 2008

Benvido 2009

A partir da 01:00 da madrugada no local social de Ouzande. A asociación convida ás uvas do novo ano. E despois festa...

E do novo ano xa temos almanaque. Podelo conseguir na Taberna de Ouzande ou pedíndollo a algun/ha fervenciño/a

luns, 1 de decembro de 2008

carreiros 7

Por fin Carreiros 7. Queremos compartilo contigo. Bonito, bonito. E barato.

Neste número continuamos a serie, iniciada no número anterior dedicada á investigación sobre os emigrantes ouzandeses noutras latitudes, baixo o título “Memoria da emigración”. Neste caso inclúese un artigo sobre Florentino do Rubio, emigrante en Itapeva, Brasil. (O artigo basease nunha entrevista gravada e realizada por Manuel de Cabanas, emigrante e “correspondente” de Carreiros na diáspora)
Entrevista con Miguel Carbajal, xinete ouzandés campión de Raid e que proximamente competirá no Campionato do Mundo
Creación literaria: Poemas de Manuel Cabanas, emigrante ouzandés no Brasil, e do estradense Senén Campos Maceiras.
Entrevista con Lorena Nieves, astrónoma e compoñente de Retrouso, grupo da asociación
Reseña literaria: Días do Final, do ouzandés Manuel Pereira.
Outras seccións:
Cartas e colaboracións de lectores.
Memoria Fotográfica (de festa nos anos 60)
Crónica de actividades, onde se recolle un resume das actividades levadas a cabo pola Asociación neste último ano. (Cursos, festas tradicionais, xogos oulímpicos, etc.)

Realizouse unha tiraxe de 350 exemplares.
A revista pode adquirirse nos seguintes establecementos:
Taberna de Ouzande
Café A Farola
Argentinos Burguer
Libraría Alberte Quiñoi
Se estás lonxe e queres ter Carreiros contacta con nós carreirosouzande@gmail.com

Aí vos quedan as lembranzas do meu tempo de neno en ouzande, recitadas magnificamente por Manolo de Cabanas dende Brasil (por erro noso non se escoita o primeiro verso: Ouzande foi meu niño...)

xoves, 20 de novembro de 2008

presentación carreiros 7

Tarde de castañas e revistas.
Aí quedan as imaxes dunha celebración fermosa, emotiva e divertida.
Noelia tocou para pensarmos. Rimos con Florentino dende o Brasil. Emocionámonos con Manolo de Cabanas, desde o Brasil tamén.
Próximamente á venda (problemas de imprenta).