domingo, 10 de maio de 2009

ruta das letras

ANDAMOS E FALAMOS

O próximo sábado 16 de maio, a AC A Fervenza de Ouzande continuará co seu programa de rutas a pé, IMOS ANDAR coa cuarta Ruta das Letras. Este ano percorreremos o Roteiro dos Montes da Somoza, cuxas características detallamos máis abaixo. Ademais, todos e todas as participantes serán avasallados cun libro, para celebrar o Día das Letras Galegas, que será entregado ao final da ruta. Para esta iniciativa contamos coa xenerosa colaboración de Edicións Xerais de Galicia.

Hora de saída: 16:30 da tarde, diante da igrexa de Ouzande. Chegada sobre as 20:30 ao mesmo sitio.

LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:

- Montes do Pedroso e A Pedralba: posto que albergan numerosas especies autóctonas que sobreviviron as reforestacións masivas de coníferas, especialmente de piñeiros e eucaliptos. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acevos, vexetación dos cursos fluviais, salgueiros, ameneiros...).

- Monte Cabalar: A rota discorre en parte a través das parcelas incluídas no coñecido proxecto “Monte cabalar”. Alí un dos responsables do mesmo dará unha breve explicación sobre os resultados desta iniciativa.

- Vistas panorámicas: fermosas vistas paisaxísticas cara ao val do río Liñares co monte da Rocha ao fondo. Tamén se divisa neste percorrido a vila da Estrada desde numerosas perspectivas, así como a cidade de Compostela, o val do río Ulla, Pico Sacro, montes da Somoza...

- Pozo da Freixa. Na Somoza faremos unha parada no fermoso contorno do Pozo da Freixa, no que descansaremos ao pé de dous antigos muíños e unha fervenza.

1 comentario:

An dixo...

Agardo que o pasedes moi ben.Que envexa me dades :) SAúdos e apertas :)